A escritora pontevedresa Fina Casalderrey será a encargada de intervir no acto cívico diante do sartego de Boveda

Este ano 2007, será a escritora Fina Casalderrey a que intervirá no acto cívico diante do sartego de Alexandre Bóveda. Este acto de lembranza cidadán de Alexandre Bóveda ten un sentido aberto e mesmo poético no que no marco do cemiterio se fai unha exaltación da vida e da esperanza que segue adiante a pesares dos que consideraron que ía pór remate coa barbarie desatada no 1936.
O acto celebrarase ás 19:00 h. no cemiterio de San Amaro.
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra 1951) é mestra e escritora cunha ampla obra escrita para nenos e mozos. Para o público infantil publicou: Dúas bágoas por Máquina (Xerais 1992), novela, premio Merlín de Literatura infantil 1991; A noite dos coroides (1993), novela; Chamizo (Xerais 1994), novela; O misterio dos fillos de Lúa (1995), novela, Premio Barco de Vapor 1995 e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996; O estanque dos parrulos pobres (1996), novela, premio Edebé de Literatura Infantil 1996; Prohibido casar papá (1996), novela, Lista de The White Ravens 1998; ¡Puag, que noxo! (1997), conto; Podesvir (1997), conto; Unha raíña negra (1998), conto; Cuca e o abrigo marrón (1998), conto; Nolo e os ladróns de leña (1998), conto; Ás de mosca para Anxo (1998, Xerais 2002), novela; Pimpín e dona gata (1999), conto; O misterio do cemeterio vello (1999), novela; Unha pantasma branca (2001), conto; O avó é sabio (2002), conto; O avó sae de paseo (2002), conto; A avoa non quere comer (2002), conto; A avoa ten unha menciña (2002), conto; Derradeira carta ós Reis Magos (Xerais 2002), conto; ¿Quen me quere adoptar? (Xerais 2005), conto; A lagoa das nenas mudas (Xerais 2007), novela e A Pomba e o Degolado (Xerais 2007), novela.
Premio Irmandade do Libro á Autora do Ano, 2006.
II Premio “Día da Galiza Mártir” á recuperación da Memoria Histórica

A Fundación “Alexandre Bóveda” fai público o nomeamento da persoa á que se lle outorga o presente ano a distinción inaugurada en 2006, co gallo do ano da memoria, para recoñecer o labor de recuperación da memoria histórica no noso país.
A persoa homenaxeada o presente ano será o historiador Dionisio Pereira, polo seu labor investigador e divulgador da represión franquista, dando a coñecer acontecementos, lugares e nomes que outros quixeron borrar de xeito violento da nosa lembranza, e promovendo a organización de actos de rehabilitación e reparación das vítimas da barbarie fascista.
O acto de entrega levarase a cabo durante un xantar que terá lugar o propio 17 de agosto, día da Galiza Mártir, no Pazo da Cultura en Pontevedra, ás 14:30 h.
Aqueles que queiran asistir poden facelo inscribíndose no enderezo electrónico galizamartir@gmail.com ou chamando ao teléfono 670514960.
Este xantar insírese no programa de actividades que ten lugar para lembrar o fusilamento de Alexandre Bóveda, que inspirou hai 65 anos á Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, para instituír o día da Galiza Mártir, co que lembrar as vítimas da represión franquista.